Un dos últimos poemas escritos por Xosé Velo xusto antes de morrer. O músico Fran Pérez NARF musicou este poema nunha canción co mesmo título.
“Malia o dente que come a semente” (dito popular)
De onde me vén o folgo para cantar tanta espranza... Ai o ámbito propicio Ai a axeitada labranza Ai a semente no sulco endexamais devorada e as oportunas regas e a graza da poupanza Ai a terra eterna virxe milenios a deflorala. Ai, a colleita pra todos a matar todas as fames... E os soños sen pesadelo Ai, o soñar acordado ! Inercia de quen vai indo Graza eterna de ir chegando Malia quen endexamais algo dera Malia quen sen consolar chorara Malia quen para chegar espera Malia quen para viver matara Pois que perguntas, xa sabes de donde me vén o folgo para cantar miña espranza: Da visón do futuro aínda que sempre se chega, endexamais se alcanza.