Guerra e Civil e Posguerra

Guerra e Civil e Posguerra (1936 – 1948)

O 21 de xullo de 1936, Velo foi detido e conducido á Comandancia Militar de Celanova, negándose a entregar os arquivos das fichas de militantes das Mocedades. Foi liberado pola intercesión dun tío seu. Comezou tamén neste tempo a dar aulas como mestre particular —o que acabou sendo o seu traballo habitual— até que foi recrutado e mobilizado en marzo do 37. Seica tentou fuxir ao bando republicano en dúas ocasións, librándose de novo de ser procesado grazas ás influencias familiares. En 1938 voltou para Celanova ao ser dispensado do servizo por ter outros dous irmáns mobilizados, sendo el o único casado e cun fillo. Segundo o seu biógrafo, nese ano viaxou a Guinea tratando de evitar as presións políticas dos inminentes vencedores da guerra. A súa filla Manuela naceu en febreiro de 1939 e en novembro abriu na vila unha academia de comercio e oposicións.

En 1942 morreu a súa nai e un ano despois, en vista das enormes dificultades que atopaba para desenvolver o seu traballo en Celanova, trasladouse a Vigo, onde abriu outra academia en sociedade co seu curmán Cástor (irmán do director de cine Carlos Velo). Foi a máis tardar nesa época que entrou en contacto con sectores da resistencia antifranquista e da guerrilla.

En 1944 naceu o seu terceiro fillo, Victor, e fixo amizade cun curmán de Castelao, Mariano Otero Castelao, que estaba vencellado aos grupos da resistencia promovidos polo Partido Comunista. Debido ás súas actividades antifranquistas, ambos os dous foron detidos e encarcerados, primeiro en Vigo e logo na Coruña.

Co final da segunda guerra mundial, Velo saíu do cárcere en liberdade provisional. Despois dun período de semiliberdade, e perante o perigo de ser novamente encarcerado, fuxiu en 1947 con Mariano Otero cara a Celanova. Alí e na aldea próxima de Moreira estiveron ocultos durante varios meses en casas de amigos e familiares.

Pasaron logo clandestinamente a Portugal e foron acollidos por Luís López, un amigo da infancia de Velo que tiña un restaurante na parte de Estoril. Luís López levounos a Lisboa, onde se separaron. Velo acabou sendo detido pola PIDE (policía política salazarista) e encarcerado na prisión de Caxias. Coa axuda dunha organización humanitaria, o Unitarian Service, e grazas á intervención directa do presidente venezolano Rómulo Gallegos —a quen Velo coñecera nas estadas do venezolano en Bueu—, conseguiu un pasaporte de emerxencia e puido saír cara a Venezuela en outubro de 1948.

Seica o presidente chegou a ofrecerlle a Velo unha cátedra (!) na Universidade Central, mais o 24 de novembro Rómulo Gallegos foi deposto por un golpe militar e tivo que saír —el tamén— para o exilio. Velo seguiu no país, traballando como profesor en varias academias e colexios. A finais de 1949 a muller e os fillos trasladáronse a Venezuela.