Non teño amores

Non teño amores que consolen
as horas i os días de inquedanzas;
non teño quen polas noites
me surría e agarime… me dea espranzas!

Non teño calor na fala
porque no peito, acendido lume
non hai… non hai máis que borralla.
Non teño, ai! quen me alume…

Que me alume docemente
do meu andar os lindeiros;
non teño, ai! quen arrule
os meus pensares tristeiros.

Eu son a ialma tristeira
paxaro que voa nas alturas
da ilusión vaga. Eu ser poeta 
quixera: para cantar as ialmas i a tristura.
As ialmas cheíñas de pesares 
coma a miña tan doente.

Eu ser quixera cantor das fondas mágoas
que á humanidá nas soidades somen.
Mais non podo…, cando quero xa as bágoas
agroman, o meu esprito cobren.

Eu son un xardín abandoado
esquecido pola doce galanura.
En min non medra a froliña do amado
só vive o crisantemo que é tristura.

Eu son o esprito aborrecido
-mais mal a naide eu fixen nunca-.
Ia ponla do meu arbre esmorecido
ao pulo do curisco xa non funga.

Xa non funga co arranque de enerxía
agora na mudez está pechado.
E dóiome de pensar que nalgún día 
fungue cun fungar desordenado.