LOVE VELO

Espazo web dedicado a Xosé Velo Mosquera, notábel político e escritor galego.

Bo día,Teño o pracer de comunicar que este xoves día 22 de xaneiro ás 11:00h na Pranta Baixa da Facultade de Filosofía terá lugar a estrea da exposición «Love Velo», no marco da actividade Xosé Velo: 65 anos da «Operación Compostela», comisariada por Aser Álvarez, director de Arraianos Producións. A inauguración consistirá nunha visita guiada da exposición sobre Xosé Velo, o ideólogo da inicialmente chamada «Operación Compostela», e despois «Operación Dulcinea», con motivo do 65 aniversario da toma do barco Santa María polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación para denunciar as ditaduras ibéricas (a salazarista e a franquista). 

E o mércores día 28 de xaneiro ás 18:00h no Salón de Actos da Facultade de Filosofía terá lugar a estrea do documental «Expediente Velo» (2026), de Aser Álvarez (30 min.) no marco desta actividade e do Ciclo Cinema Filosófico da Facultade de Filosofía. Contará coa presencia do director. Mais abaixo podedes atopar máis información.  

Cordiais saúdos,

Xavier de Donato Decano da Facultade de Filosofía

Xosé Velo: 65 anos da «Operación Compostela» pretende ser un homenaxe á figura de Xosé Velo Mosquera (1916 – 1972), escritor e político independentista galego tamén coñecido polo sobrenome de Carlos Xunqueira de Ambía. Velo foi unha das personalidades máis destacadas do exilio galego durante o franquismo. Foi presidente do Lar Gallego (1956) e participou no primeiro Congreso da Emigración Galega que se celebrou entre o 24 e o 31 de xullo de 1956 en Buenos Aires. Entrou en contacto co grupo da oposición española que dirixía Alberto Bayo dende Cuba, e participou na súa emisora de radio, Radio Claridad. En 1959 Velo organizou, con membros da oposición portuguesa ao réxime de António de Oliveira Salazar, o chamado Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación e participou, con outros membros galegos e portugueses desta organización, na toma do navío portugués Santa María o 22 de xaneiro de 1961 no marco da chamada Operación Dulcinea, que pretendía dar visibilidade internacional á loita contra as ditaduras salazarista e franquista. En 1962 estableceu en São Paulo a librería Nós e, en 1966, a Editora Nós, que publicou unha tradución de Rosalía de Castro. En 1971 fundou a revista mensual Paraíso 7 días. Morreu en São Paulo no ano 1972. No 2022 a Deputación de Pontevedra editou un libro de Textos escollidos de Xosé Velo. 

Animal político, Xosé Velo non foi animal de rebaño. Aínda que se mantivo até a morte na órbita do galeguismo co que comezara de mozo, puxo sempre por diante a súa conciencia (ou o instinto) aos ditados de calquera organización. Nin atopou acubillo definitivo nin deixou herdeiros políticos directos. Se cadra é por iso que, malia ter vivido en primeira liña a República, a guerra e a resistencia antifranquista, tanto no interior como no exterior (co máximo protagonismo no episodio sonado do secuestro do Santa María), segue sendo un recordo borroso para os vellos, unha figura semidescoñecida para a xeración intermedia e nada en absoluto para os máis novos.

Menos coñecidos aínda son os seus escritos. É certo que non puido ou non quixo facer carreira de escritor, mais nunca deixou completamente de escribir e, en menor medida, de publicar. Toucou moitos paus: poesía, ensaio, artigos, prólogos, discursos, cartas… Case sempre movido polas urxencias históricas de cada día; ás veces, tratando de descifrar unha estraña música que escoitou por primeira vez nalgún lugar oculto de Celanova.

Este sitio aspira modestamente a remediar a situación anterior dando a coñecer unha mostra ampla dos escritos de Velo. Cincuenta anos despois da súa morte, está por ver se —para alén de seren testemuña do paso dun home polo mundo— teñen algo permanente que dicirnos.