Espranza

Un dos últimos poemas escritos por Xosé Velo xusto antes de morrer. O músico Fran Pérez NARF musicou este poema nunha canción co mesmo título.

“Malia o dente que come a semente”
(dito popular)
De onde me vén o folgo
para cantar tanta espranza...

Ai o ámbito propicio
Ai a axeitada labranza
Ai a semente no sulco
endexamais devorada
	e as oportunas regas
	e a graza da poupanza

Ai a terra eterna virxe
milenios a deflorala.
Ai, a colleita pra todos
a matar todas as fames...
	E os soños sen pesadelo
	Ai, o soñar acordado !

		Inercia de quen vai indo
		Graza eterna de ir chegando

Malia quen endexamais algo dera

Malia quen sen consolar chorara

Malia quen para chegar espera

Malia quen para viver matara

Pois que perguntas, xa sabes
de donde me vén o folgo
para cantar miña espranza:
	Da visón do futuro
	aínda que sempre se chega,
	endexamais se alcanza.