Segundo Exilio: Brasil (1961 – 1972)
Xosé Velo e o seu fillo Victor, que tamén participara na acción do DRIL, pasaron uns días en Recife nun cuartel que lles foi ofrecido polo goberno. Despois dun tempo en Campinas, establecéronse en São Paulo, onde foron axudados por Miguel Urbano Rodrigues, un xornalista portugués que foi o grande amigo de Velo nesa época. Acolleunos na súa casa e axudounos a refaceren a vida entanto o resto da familia seguía en Caracas.
En 1962 Jovita reúnese con Velo, que xa levaba tempo dando aulas nunha academia. Os outros dous fillos ficaron en Venezuela, viaxando de cando en vez ao Brasil. Uns anos máis tarde, animado pola súa muller, Velo montou unha librería, “Nós”, no barrio de Paraíso, e tamén a editorial “Galicia Ceibe”, na que fixo unha tradución de Rosalía de Castro ao portugués, e coa que tiña a idea de publicar tamén a súa propia obra. Niso estaba cando unha doenza mal diagnosticada derivou nun cancro de pulmón.
Aínda tivo forzas para colaborar na resistencia contra a ditadura no Brasil, crear un xornal de barrio, “Paraíso 7 días” e mesmo comezar o guión dun proxecto audiovisual para a Fundación Ford sobre a historia da humanidade para un público infantil e xuvenil. Non puido voltar a Celanova. Morreu aos 55 anos en São Paulo e está enterrado baixo unha árbore do cemiterio de Gethsêmani.