A República

A República (1931 – 1936)

Xosé Velo Mosquera naceu en Celanova o 21 de abril de 1916. Foi o cuarto dos cinco fillos dunha familia abastada: o pai —de 76 anos—, antigo alcalde e deputado provincial, era comerciante e tiña unha pequena fábrica de chocolate, e a nai —de 32— era filla do secretario do xulgado; tanto o pai como a familia da nai estaban vencellados ao partido conservador.A morte do pai, o 6 de outubro de 1926, non debeu de ser unha sorpresa para a maioría dos seus coñecidos. Porén, para Xosé Velo ese día rematou abruptamente a infancia, ou polo menos así o deixou escrito en varios textos. Como se lle caera enriba de repente a anomalía da súa data de nacemento, sentiuse entón un “mozo vello” e nunca máis deu atopado acordo co calendario.

Estudou nos escolapios, primeiro no mosteiro de Celanova (onde coincidiu con Celso Emilio Ferreiro, catro anos máis vello) e logo en Monforte de Lemos. Nesas aulas aprendeu, “a contragolpe” dos golpes que arreaban os frades, o contrario do que alí se transmitía. Pasou tamén pola Universidade de Santiago sen obter título superior ningún.

Estivo entre os fundadores, en 1932, das Mocedades Galeguistas de Celanova, un dos grupos máis activos da organización xuvenil do Partido Galeguista. Esta agrupación local chegou a ter máis de cincuenta afiliados, unha sección infantil (!) e un boletín propio, o semanario Adiante, do que só saíu un número en xaneiro do 33.

Os pais, Manuela Mosquera e Lino Velo

Xosé Velo e Celso Emilio Ferreiro lideraron dende Celanova a corrente “arredista” das Mocedades, caracterizada pola defensa da independencia e da lexitimidade do uso da violencia ofensiva e defensiva (fronte ás agresións da extrema dereita), así como polo compromiso coa emancipación dos labregos, todo formulado con gran radicalismo verbal. Esta corrente conseguiu impoñerse na II Asamblea da Federación de Mocedades Galeguistas (1935) e Xosé Velo foi elixido Secretario Xeral, suceso no que debeu de influír o seu grande talento natural como orador. Así o describe Celso Emilio: “Alto, fraco, de longo narís, Velo foi un orador nato da escola de Basilio Álvarez. Falaba con voz tronante pondo os brazos abertos coma un cristo labrego. As súas palabras, que lle abrollaban dun manantío profundo, eran convincentes e cheas de senso popular”.

Foi tamén neses anos da República que Velo comezou a escribir poesía de todo tipo, case sempre en galego mais tamén en castelán, chegando a publicar un poema titulado Alciprés na revista Nós. Coa idea de se daren a coñecer como poetas, Celso Emilio e mais el argallaron a dúo un procedimento orixinal de autoedición, case unha máquina poética de asalto. Na imprenta dun parente de Ferreiro fixeron imprimir a prezo de custo douscentos cartafoles co título Cartafol de poesía e os nomes dos dous autores. Mandáronllos logo por correo a un grupo escollido de destinatarios: xornalistas e intelectuais influíntes, amigos e familiares, coa indicación de gardaren o cartafol para coleccionar nel os poemas que irían recibindo periodicamente en follas soltas. Enviaron en total dezaseis poemas, oito de cada un, mais non se conserva a serie completa.

En outubro do 35 —con 19 anos—, Xosé Velo casou con Jovita Pérez González —de 20—, filla dun taberneiro de Celanova. No casamento (con Celso Emilio de testemuña) non faltou o requinte patriótico, e os noivos voltaron da lúa de mel cantando o himno galego. Meses despois naceu o primeiro fillo, Lino. Era xuño de 1936.