Traio para vós nenos do mundo todo, as cantigas de berce que vos acorden na hora xerminal da recreazón do home. Quén dera que elas prenderan na vosa almiña empolgada puga do amor sen fronteiras! Quén dera, nenos, quen dera! E de vez nos acordara para as máis outas angueiras! Que vos acorden, si. Que vos acorden e aínda decontado vos rediman do prólogo -amago ou furacán de inmunda lama- do paradiso aquele, non ben gaño perdido que reduciu a illa á inocencia esencial do voso soño antigo. Quén dera, non si, prendiñas, que todos de vez viñerades á regueifa dos meus contos para soñar acordados! Para soñar acordados ese voso soño antigo, sempre ao albitre nemigo, por séculos deturpado. Ese voso soño antigo, feito de lux e de orballo, que nun abrente perdido no tempo puro, sen bordes acordou pra a vida aquil raio xerminal, a sementar na onda matria vida - mar, berce - cantiga secuenza enérxica - amiga purísimo crisol do noso sangue. Para soñar acordados ese voso soño antigo, sempre ao albitre inimigo, por séculos abafado. E xa que os mandrias viñeron e con delonga procriaron diante de nós a inmundicia a tristura, a inorancia , o mentiroso amor a certísima sevicia o negocio suxo do escándalo a dor de onte, a de hoxe a futura dor, a dor de sempre, aquela dor esoutra maina ou punxente, dorísima, arelo traer pra nós viaxeiros á forza sen rumo nin camiño... canto vos é negado a diariño. Tenciono traer pra vós canto xa me foi dado en herdanza cordial polos grandes amigos que integraron a morte na vida inmortal... Pois son, aqueles grandes, -endexamais pasados case sempre esquecidos- que de lonxana idade souberon inventar a humanidade. Ao abrente deste engado viredes, non si?, meus nenos libertos de prexuízos, que o demais é o de menos. Viredes, meus nenos, ei! todos a unha cantando cantigas que aínda non sei. Aleluia! Meigas fóra, amor, para a pax e a xustiza no entanto a nugalla chora esváese o feitizo. Traio para vós a miña vox amiga co mellor coidado dun xoven e sinxelo avó que vén brincar convosco no voso coro inxenuo. Cantarolando, ei! nenos do mundo todo poremos a ton o anceio para ninar a esperanza. Cantarolando, é claro ! findarase a noncuranza... Eis a grandeza do anceio! Vamos ninar o futuro pra que non morra de vello, ise futuro que vamos herdando séculos a fío pior que despido, embrullo de ferrapos a feder aos alcanfores das modas que non se resignan a pasar. E agora temos de brincar a roda do neno branco do neniño preto do infantiño amarelo... pois se a nau vén nesta feita teceremos a bandeira do mundo amábel que arelo. O futuro non ten cor é sinxelamente humán feitiño de pax e amor. Estamos xa na hora de catar a mor firmeza pra despertar a alborada -nunca mellor do que agora pra sementar a clareza- xa abonda de noite escura xa chega de noite en mágoa. Todo pola pax, sen mote polo amor, pola fartura dos pobos do mundo todo. Tentai ben para o que digo non vos conclamo a ir comigo a onde non fun. No testamento puro da miña morte, déixovos coa miña propia vida mel da eterna infanza. Nenos do mundo todo vós sois a miña patria: herdaivos a vós mesmos se quixerdes ser grandes e só así ser homes.