Canzón moza

Ai, do que leva na fronte unha estrela
Ai, do que leva no bico un cantar
Curros Enríquez
Meu corazón vai cantando
a fartura dos mendiños
decote peregrinando
ensinareiche o camiño!

A mocedade está morta,
ollai pasar seu enterro
mentras esmorece o berro
da liberdade á súa porta.

No peito da mocedade
tremou decote o destiño
do mundo. A maturidade
chega no sol do camiño.

A roita está sinalada:
onde medre a tiranía
co pulo dunha arroutada
arrincala cada día.

Velaí a nosa virtude
non malogremos a sorte;
denantes que a escravitude
atoparemos a morte.
Cómpre pois pra non pedela
coñecela,
	desexala,
		conquerila
e logo fortes coidala.
Non veñan a corrompela
quen non podendo matala
adicáronse a ferila!

A vida non ten máis fito
que conquerir a fartura
da materia e máis do esprito.

Non nacerán máis malditos,
e xamais a vida dura
disgustará a ventura
 co máis criminal dos mitos.

Borremos todos os ritos
que só trouxeron tristura.

Queimemos a tradizón
e onde falla sopear
poñamos o corazón
ferventemente a tremar.
Así pola vida adiante
precurar que o mozo cante
a máis baril das canzóns.

Mozos, fendei a restreva
da nugalla. Sementai a libertá.
Ai, de aquil que non leva
na fronte unha estrela!
Ai, de aquil que non leva
no bico un cantar!
NOTA DO AUTOR
Este non é un poema. É somentes restreva daquil que ei tecer á mocedade noutra hora de menos vagar e de máis tranquilidade. Acéptao pois como o que é, proxecto improvisado, coa promesa de adicarche ao seu tempo o poema enteiro e verdadeiro. Meu querido Xosé, cumpriche un gran deber de cidadanía nun intre difícil da vida dun poeta fuxido, emporiso ten de vivirche agradecido o autor.