Primeiro Exilio: Venezuela

Primeiro Exilio: Venezuela (1948 – 1961)

En Venezuela Velo traballa como mestre en academias e colexios. Neses anos mantivo unha intensa actividade cultural e social, promovendo a unión dos distintos colectivos de emigrantes galegos. En 1956 foi nomeado presidente do Lar Gallego de Caracas e participou como delegado desa institución no Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado no mes de xullo en Buenos Aires, onde tivo grande éxito como orador.

Coa caída do réxime de Pérez Jiménez en Venezuela animouse a actividade política dos exiliados, e Velo, a través de artigos, emisións radiofónicas e mítins, converteuse nun importante axitador da loita antifranquista no exterior. Entrou tamén en contacto coa resistencia portuguesa, liderada por Humberto Delgado (exiliado dende 1958 no Brasil), e foi o ideólogo, fundador e director xeral do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), organización de exiliados españois e portugueses creada en Caracas entre 1959 e 1960, que pretendía dar resposta ao Pacto Ibérico entre Franco e Salazar.